
O Espazo Aberto Antimilitar lanza outro ano máis a campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares (OFGM) baixo o lema: «Os teus impostos matan, ti podes desarmalos». Como cada ano vos propoñemos destinos alternativos aos que enviar os cartos, este ano ademais do propio Espazo son: A Ría Non Se Vende e a Asociación Revolucionaria de Mulleres de Afganistán (RAWA).
«Os teus impostos matan, ti podes desarmalos».
Coa que está caendo (crise económica e os conseguintes recortes sociais), o Goberno vai empregar (como mínimo) a cantidade de 18.160,89 millóns de euros en gasto militar. Cantidade que, obviamente, aportamos todas vía impostos; cantidade que NON será dedicada a pensións, ensino, sanidade ou subsidios, por poñer algúns exemplos.
Esta inversión continuada, descomunal e disparatada en investigación militar, armamento e en manter un exército cada vez máis expedicionario, non contribúe en absoluto a mellorar a seguridade de ninguén. Antes ben, supón un risco para a existencia da vida, e do mesmo planeta.
Programas coma o HAARP* estadounidense, consistente na manipulación da propia atmosfera para poñela ao servizo da eficiencia militar, poñen en evidencia que este risco non é unha hipótese posíbel nun futuro lonxano, senón que é unha realidade plenamente actual.
Porén, a ameaza que os exércitos representan fáisenos ultimamente palpábel dun xeito moito máis directo, toda vez que a grande máscara que durante os últimos tempos se esforzaron en crear para ocultar a súa verdadeira natureza, vaise desfacendo. Os últimos “erros” cometidos en Afganistán, nos que se bombardeou unha vez máis á poboación civil provocando máis de medio centenar de mortes en menos de vinte días, serviron para lembrarnos que as chamadas “intervencións humanitarias” no estranxeiro non son máis que o que anteriormente denominabamos ocupacións militares, con todo o que iso implica. Pero ademais, os feitos acontecidos en Chile despois dos últimos terremotos, no que o exército foi mobilizado para “controlar” á propia poboación desesperada (ou no caso de Haití encubrindo unha ocupación militar en toda regra), tróuxonos a primeiro plano a outra relevante atribución dos exércitos: a “pacificación” non só no exterior, senón tamén no interior das propias fronteiras, unha vez que os mecanismos habituais de contención son superados.
Por todo isto, e porque rexeitamos a propia existencia dos exércitos e a ideoloxía militarista que os lexitima, declarémonos un ano máis persoas obxectoras fiscais aos gastos militares, por motivos de conciencia e de sentido común. E declaremos as nosas cabezas zonas permanentemente desmilitarizadas.
Espazo Aberto Antimilitar, marzo 2010
Destinos propostos na campaña de Obxección Fiscal 2010
Dende o Espazo Aberto Antimilitar propoñemos dentro da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2010 varios destinos aos cales podedes enviar os cartos que desviedes nas declaracións:
– Asociación Revolucionaria de Mulleres de Afganistán (RAWA): trátase dunha organización política independente de mulleres afganas en loita polos dereitos humanos e a xustiza social dende 1977. Máis información na súa web: www.rawa.org
– A Ría Non Se Vende: rede de colectivos na defensa das continuas agresións que sofre a ría de Vigo. Máis información na súa web: www.arianonsevende.org
E como todos os anos tamén damos a oportunidade de que os vosos cartos tamén poida ir dirixidos ao Espazo que como sabedes somos un grupo que aglutina a colectivos e persoas contra a guerra e o militarismo.
Os vosos cartos nolos podedes facer chegar á conta do Espazo (Caixarouba): 2080 0046 31 0040026408, lembra que debes indicar «obxección fiscal ao gasto militar» e o nome do colectivo ao que queres que vaian.
http://www.nonaogastomilitar.org/content/destinos-propostos-na-campan-de-obxeccion-fiscal-2010