Preto dun cento de soldados comezaron xa a patrullar para disuadir aos incendiarios. A eles súmanse varias dotacións de Policía a cabalo nos núcleos rurais das urbes galegas.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra

O Exército xa está desplegado nos montes galegos. Comezou, esta madrugada, a patrullar os bosques para «vixiar e disuadir aos incendiarios» no marco da operación ‘Sentinela’, que se estenderá até o 15 de setembro.
 
Este ano haberá un mínimo de 25 patrullas -dúas máis que en 2012- traballando durante o verán nesta operación, que vén desenvolvendo desde 2007 a través dun convenio entre a Xunta e o Ministerio de Defensa.
 
Un cento de efectivos
 
Serán entre 90 e 100 os efectivos do Exército que patrullarán os montes, en función de tres niveles de risco -medio, alto e moi alto- que levan a implicación de 25, 50 ou 75 patrullas, respectivamente, así como un ou dous helicópteros para os dous niveis de alerta superiores.
 
«É moi importante a magnífica colaboración cidadá que veñen atopando os militares nos seus traballos de prevención, o que á súa vez permitelle ás patrullas coñecer mellor a zona», dixo o xeneral José Antonio Alonso Miranda na presentación deste operativo.
 
O convenio de colaboración, asinado a semana pasada con Medio Rural, leva unha dotación económica de 500.000 euros para este despregamento, que ten dúas particularidades este ano con respecto a anteriores edicións.
 
Mellor operatividade
 
Unha é a maior flexibilidade á hora de modificar o tipo de despregamento polo comandante da operación -antes era necesario pedir autorización previa a Defensa- e outra é que a organización xa non responde exclusivamente á división por provincias, de modo que a área pontevedresa -denominada Azor- inclúe tamén algún distrito ourensán.
 
A este operativo súmanse, ademais, distintos efectivos da Policía que, a partir da pasada semana, comezaron xa a patrullar as zonas rurais e de monte das urbes galegas en cabalo.

Galicia Confidencial