
O vindeiro 24 de xullo Vigo volverá a acoller os avións de guerra do Festival Aéreo de Vigo na praia de Samil. Dende o Espazo Aberto Antimilitar amosamos o noso rexeitamento a este evento, máis aínda neste tempos de crise e recortes sociais.
Co galo do evento elaboramos un panfleto informativo sobre a nosa postura:
NON Á GUERRA NIN COMO ESPECTÁCULO
Durante os últimos anos temos que soportar cada verán a chegada do chamado Festival Aéreo de Vigo, que non é outra cousa que o festival da guerra e o militarismo. Xa durante varios días antes do propio evento escoitamos sobre as nosas cabezas o son estrondoso da morte voando sobre nós, a máis cara e moderna tecnoloxía do ser humano fundida en máquinas cuxa única función é destruír e matar.
Aparecen ante nós mesturadas nun envoltorio de entretemento domingueiro, familiar e coa intención de fascinar á xente máis nova, a cal ten a
oportunidade de experimentar nun simulador da Patrulla Águila a emoción de
pilotar un caza facendo voos acrobáticos. Todo é un xogo, pero o que se
esquecen de reproducir son as consecuencias dos voos dos cazas reais; ou
acaso foron creados para soltar fumes de cores como nestes espectáculos?
Tiveron tempo as familias bombardeadas en Iugoslavia, Iraq, Afganistán ou
Libia para extasiarse e apreciar os xiros desas potentes aeronaves antes de
ser aplastadas polas toneladas de metralla e entullos que deixan ao seu
paso?
O Exército do Aire español participa nos bombardeos sobre Libia, xunto cos
Estados Unidos e o resto de potencias da OTAN. Que clase de insensíbel e
morboso Festival se pode facer en Vigo, mentres ese exército do aire
bombardea poboacións indefensas nestes mesmos momentos?
A venda de armas como as que exhiben neste festival é un gran negocio para o
Estado español, o cal vende en gran medida a Estados involucrados en
conflitos armados como Israel, EEUU, Libia, etc. Pero por moitos beneficios
económicos que algúns obteñan, estas armas seguen sendo igual de perigosas e
mortíferas. Non son un motivo de festa, nin –como se pretende facer ver–
instrumentos garantes da paz, como tampouco o son os exércitos. Pola contra,
as nosas tropas despregadas polo mundo só buscan defender os intereses
comerciais e xeoestratéxicos das potencias mundiais e as multinacionais. O
belicismo susténtase en valores de violencia, obediencia cega e desprezo
pola vida humana.
O exército, mediante propaganda e espectáculo, pretende insensibilizarnos
ante a súa omnipresente presenza en cada vez máis aspectos da nosa
sociedade, usurpando funcións que organismos civís farían máis eficazmente.
O exército despraza as brigadas antiincendios nos nosos montes; aprópiase
das tarefas de rescate e asistencia en catástrofes como a de Lorca; e até
actúan de esquirois como sucedeu na folga dos controladores…Mentres vemos
como se aplican recortes en todos os ámbitos sociais, as forzas represivas
dispoñen de todos os medios ao seu servizo. É inmoral que o gasto militar no
estado español sexa 50 millóns de euros ao día, ao mesmo tempo que se
recortan gastos en Educación, Sanidade, Pensións, Servizos Sociais, etc.
En calquera caso, aquí e agora, non podemos aceptar que nos fagan a todas
cómplices deste sucio lavado de cara do militarismo, asociando o nome da
nosa cidade co que supón un festival aéreo da guerra, que se pretende
lexitimar como diversión e reclamo de turistas. En vez de construír un
modelo de concello máis humano, apracíbel e agradábel para as persoas que
vivimos nel, os gobernantes de turno apostan por crear unha imaxe de marca
dunha cidade ficticia, baleira, militarista e inhumana; privatizando os
espazos públicos en connivencia cos patrocinadores e a hostalería; tentando
atraer o turismo depredador que deixa molestias para todas e cartos para
unhas poucas empresas, que, casualmente, son as máis explotadoras.
Esiximos que se acabe con este Festival da Guerra, non queremos a guerra nin
como espectáculo. Fóra a propaganda militarista e fóra máquinas da morte dos
nosos ceos.
ESPAZO ABERTO ANTIMILITAR
Vigo, xullo 2011
+info:
http://www.nonaogastomilitar.org/content/non-guerra-nin-como-espectaculo-contra-o-festival-aereo-de-vigo-2011
—
Oficina Dereitos Sociais – Coia (ODS-Coia)
web: odscoia.arkipelagos.net | email: dereitossociais@gmail.com | tel:
696618732
Atendemos os luns de 17h00 a 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da
Victoria en Coia (rúa Baiona 9).